Adopta

Darlle fogar a un animal da rúa é tan satisfactorio que terás a sensación de que é el quen te axuda a ti.

Un gato pode vivir uns 20 anos
Un can pode vivir entre 14 e 20 anos
É unha decisión moi importante que afectará a toda a vida do animal

Bota un vistazo ós nosos animais en adopción, podes facelo na sección Abeirenses de esta páxina ou mirando os álbunes da nosa conta de Facebook.
Tamén difundimos casos externos.
Para calquera dúbida ou detalle que queirades precisar poñédevos en contacto connosco e  aconsellarémosvos o mellor posible.

CUESTIONARIO

Tod@s os interesad@s en adoptar terán que cubrir un cuestionario.

Non é un exame, senón o modo que temos de saber se o gat@ ou can/cadela que lle interesa á persoa é o adecuado para o seu modo de vida ou, se non se fixou en ningún en contreto, poder discernir cal será o idóneo.

Desculpámonos de antemán se algunha pregunta pode resultarlle violenta ou demasiado persoal a alguén, pero as consideramos necesarias. A nosa principal preocupación son os nosos animais e os cuestionarios son o único sistema que temos para poder orientarnos sobre o solicitante. Xa se deu o caso de persoas que non enviaron o cuestionario de primeiras “asustadas” polas preguntas, que máis tarde se atreveron e son agora uns adoptantes felices.

NON entregamos cans para garda, nin gatos para cazar ratos, nin animais que vaian estar pechados en lugares pequenos (sexa en casa ou piso) nin moito menos atados. Nos casos de animais que vaian estar no exterior ou con acceso ao exterior valoramos individualmente cal dos nosos gatos ou cans pode adaptarse ou incluso ser idóneo para esa situación (gatos independentes, cans moi activos…). Non entregamos un animal en adopción se non están dacordo con ela todos os habitantes do lugar onde vaia vivir.

PRE E POST SEGUIMIENTO

Os nosos animais entréganse en adopción con pre e postseguimento.

Podemos facer un preseguimento físico ao fogar onde vivirá o animal, especialmente se é fóra de Santiago e, sobre todo, se se trata dunha casa con acceso ao exterior.

Pedimos tamén paciencia ao adoptante durante o proceso. Somos persoas con traballos e familias e ás veces non podemos facer o preseguimento tan rápido coma quixéramos, ou o gato desexado está en acollida noutra cidade, ou tén que estar a tratamento dalgo e queremos agardar a que estea ben, ou moitas outras cousas que poden retardar o preceso ao noso pesar; en calquera caso, dende o momento en que informamos de que o gato ou can queda reservado, a adopción tramitaráse coa maior brevidade posible.

Poden parecer moitas cousas, pero, como dicíamos, o noso principal obxectivo é o benestar dos nosos animais non só a curto prazo, senón pensando no resto da súa vida.

TAXAS E CONTRATO

No contrato estipúlase, entre outras cousas, que o adoptante nos manterá informados de calquera acontecemento importante que lle poida acaecer ao animal (coma poida ser un accidente ou unha enfermidade grave), que nos mandará fotos periodicamente, que accede a calquera visita que queiramos facer ao domicilio, que nos informará de cambio de vivenda e que, no caso de ter que desprenderse do animal, este volverá con nós ou, se o adoptante lle atopou un fogar que considera bo, nos informará para facerlle o mesmo preseguimento que se lle fixo a el; ningún animal dado en adopción por Abeiro pode ser entregado a outra persoa sen o noso consentemento expreso por escrito.

Os nosos animais saen esterilizados se xa teñen a idade oportuna. No caso de ser cachorros, o adoptante comprométese a levalo á clínica que nós lle digamos chegado o momento; recibirá un mail ou unha chamada nosa para concertar a cita. A esterilizacion é total e absolutamente obrigatoria.

As taxas de adopción son de 90 euros para felinos e de 100 para cans e cadelas. Esas taxas son unha axuda para os gastos que ocasionan, no caso dos adultos, a dose da vacina anual principal, a desparasitación interna e externa, a esterilización e o chip e, no caso dos cans/cadelas, o microchip e o pasaporte. No caso dos cachorros, saen coa primeira dose da vacina da trivalente, a desparasitación interna e externa e a Asociación pagará os custes da operación quirúrxica da esterilización. As nosas taxas non inclúen as vacinas da raiba e da leucemia, no caso dos cachorros, a medicación posterior á esterilización. Tampouco desparasitacións posteriores.

O noso contrato é un documento vinculante con validez legal.

CONTACTA SE TES ALGUNHA DÚBIDA